É moito mellor ser segundo

por Juan Tallón

Un actor protagonista é alguén do que, en última instancia, se pode prescindir. Só é unha estrela, é dicir, alguén que transmite a idea de que sen el non hai relato posible. Pero hai. Pasa que aínda non estamos convencidos de que o espazo que separa o primeiro do segundo lugar é irreal. Eu manteño a teoría –chamémoslle, se queremos, gilipollez– de que os personaxes secundarios son, secretamente, os protagonistas. Ninguén con dous dedos de fronte diría alegremente que Ernest Borgnine foi un actor secundario. Pero foino. Pero non o foi. Hai individuos o suficientemente intelixentes como para non caer no erro de carrexar coa gloria e eclipsar ás estrelas. O xenio, cando o considera conveniente, ocúltase. A fama, en cambio, explora a luz e constrúese como mentira, e o individuo que queda segundo, sábeo. De aí que fuxa cara a atrás, onde a sombra non lle permite ver ao espectador que vén despois da vitoria. Calquera paciencia que algunha vez puido aniñar nas persoas, desapareceu por completo, e toda a espera posible chega até a coroación do campión. O resto é invisible. Ou peor, o que sucede no tempo á vitoria non pasou. Hai nesa manobra de ficar un paso por detrás do gañador un compoñente estratéxico elevado. Falo dun movemento que non desencadea efectos inmediatos, unha xogada que, como no xadrez, está pensada para que produza efectos moi posteriores ao acto en si.

Quedar segundo forma parte dunha táctica que está pensada para transcender ao reparto da gloria. Precisamente a gloria é unha explosión que só interesa ao gañador, que, por desgraza para el, queda desdebuxado no intre que toda a luz da fama se proxecta sobre a súa figura. Ese golpe de flashes produce o efecto dun incendio interior. Nese instante fugaz parece non advertirse, pero pouco a pouco comprobarase que o gañador é o desaparecido, o derrotado total, o individuo que sucumbiu á embriaguez do primeiro posto. O secundario, porén, resiste sen desgaste o proceso de sometemento ás horas, os días, os anos, a historia. Ese é o trunfo. Ás veces penso en Onetti e no feliz que debeu ser cando Juntacadáveres ficou segunda, por detrás de A casa verde, de Vargas Llosa, na convocatoria do Premio Rómulo Gallegos de novela no 1967. Algúns días tamén reparo en Poulidor. A conto de que senón quedou tantas veces segundo no Tour de Francia. El sabía que o segundo é o que, en última instancia, gaña.

Pero talvez o cinema sexa a tarefa humana que mellor amosa o valor, por dicilo así, do espírito secundario. En primeira lectura, as historias que toda película relata están construídas sobre personaxes protagonistas, heroes ou antiheroes. Curiosamente, estes só poden estar feitos desa madeira sobre a existencia de personaxes secundarios, en aparencia invisibles, terciarios, pero que en segunda lectura, se desaparecesen farían caer a calquera estrela. Salvo que esta saiba, tamén, quedar de cando en vez segunda.

Foto: O emperador do norte, de Robert Aldrich

(Publicado en Galicia Confidencial)

About these ads